O Ciclo de Conferencias Coñecemento e Cidadanía do curso 2023/24, organizado pola coordinación do máster en Filosofía, chegou xa a súa quinta sesión e convídaos o próximo martes 27 de febreiro, de novo en horario de tarde, ás 19.00h a reflexionar con Teresa Moure, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, sobre “Subalternidade e lingüística feminista”.
Como todas as disciplinas académicas, a lingüística ten sido cega ao xénero. De feito, as alternativas ao masculino entendido como universal teñen, aínda hoxe, que enfrontar un prescriptivismo rancio, envolto en exercicios de poder e opresión. A pesar de que a lingüística estrutural –paradigma de outras ciencias sociais– nace en 1916, cando en occidente as mulleres xa accederan á Universidade, e de que se trate dunha especialidade claramente feminizada, os manuais non rexistran referentes femininos, nin sequera nas escolas contemporáneas. Alén das reivindicacións feministas, pode demostrarse que o conxunto dos saberes lingüísticos apenas permitiu a entrada de suxeitos subalternos, con perfís diferentes do modelo canónico de “científico”. Unha revisión crítica acorde cos valores éticos actuais debe ter presente se foi practicada unha exclusión deliberada de puntos de vista diverxentes. Os suxeitos pouco focais (mulleres e outros xéneros, ao igual que pobos indíxenas, universidades marxinais ou linguas minorizadas) foron confinados aos marxes da disciplina; os temas que trataron catalogáronse como periféricos, secundarios ou menores. Neste sentido, a perspectiva de xénero non sería unicamente ideoloxía, mas unha corrección dalgunhas desviacións metodolóxicas tan instaladas como erróneas.

BIO

Teresa Moure

Profesora Titular de Lingüística Xeral na USC

Teresa Moure é profesora Titular de Lingüística Xeral na USC. Integrante do CIFEX desde a súa fundación e docente no Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación. As súas liñas de investigación inclúen a epistemoloxía con perspectiva de xénero e a sociolingüística (eco)feminista. Premio á Introdución na perspectiva de xénero na docencia (2020) e na Investigación (2021). Desenvolve tamén un labor literario (que a crítica cualifica como voz feminista) polo que obtivo diferentes premios e as súas obras están traducidas a varias linguas. Dirixe o CIFEX desde 2022.