Convidámosvos á conferencia “Filosofía+ia: desafíos filosóficos das sociedades dixitais” que impartirá Joaquín Fernández, doutor pola Universidade Rey Juan Carlos, o día 14 de novembro ás 17:30 h. A asistencia ao Salón de Actos da Facultade de Filosofía será gratuíta ata completar aforo.

A finalidade desta comunicación é analizar, dende a filosofía, os diferentes problemas que presentan as sociedades dixitais. A transformación dixital, que hoxe se formula en función da cuarta revolución industrial, supón unha sucesión de procesos de cambio que, ao impactar máis aló da dimensión económica e industrial, requiren un enfoque filosófico. A intelixencia artificial, por exemplo, é unha ferramenta de traballo moi potente con importantes consecuencias socioeconómicas, pero que –polo menos polo de agora– non cuestiona o papel da orixinalidade, a autonomía e a creatividade humana. As sociedades dixitais son superficies virtuais que requiren de conceptos filosóficos para evitar a hexemonía da posverdade: fronte ao expresionismo estético, a busca da xustificación e o ideal da universalidade. Algunhas posibilidades abertas polas últimas tecnoloxías predicen un mundo poboado de humanos mellorados. As interfaces cerebro-ordenador ou a semellanza dos cerebros cos ordenadores son algúns exemplos que requiren un enfoque filosófico para evitar consecuencias prexudiciais e identidades falsas. Por último, cabe preguntarse se a redución do mundo ao cálculo e á medida, é dicir, a redución do mundo á magnitude, impide diferentes formas de sentir, pensar e relacionarse.

BIO

Joaquín Fernández-Mateo

Profesor Contratado Doutor do Departamento de Artes e Humanidades da Universidade Rey Juan Carlos

Joaquín Fernández-Mateo é profesor contratado Doutor no Departamento de Artes e Humanidades da Universidade Rey Juan Carlos. Como bolseiro predoutoral, traballou sobre problemas filosóficos da sociedade da información na Fundación Ortega y Gasset (2010-2014). Esta experiencia investigadora culminou na súa tese de doutoramento (UCM, 2014), que explorou e analizou as implicacións da afirmación de Richard Rorty "a maduración da humanidade lograrase a través do que Kant chamou "a estética".
Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid (2008) e máster en Epistemoloxía das Ciencias Naturais e Sociais pola Facultade de Filosofía (UCM, 2012). A súa investigación céntrase principalmente na Filosofía da Tecnoloxía e na Ética Aplicada. Outros intereses de investigación inclúen a ética dixital, a ética ambiental, a ética empresarial e a ética dos animais. É membro do equipo de investigación "Práctica ambiental e ética da consideración dos animais salvaxes no contexto da crise climática: un enfoque a longo prazo", cuxo IP é Óscar Horta Álvarez.