Alumni

William Ferreira Pinto

William Ferreira Pinto

Titulado do Máster en Filosofía.

"O Máster en Filosofía da USC foi un fito na miña vida. Con el adquirín profundos coñecementos teóricos sobre cuestións filosóficas e, como estranxeiro en España, puiden gozar dunha experiencia que me enriqueceu como persoa. A elección da USC partiu dun complexo que inclúe unha universidade con calidade e séculos de historia, a cidade que é unha xoia de Galicia e un pobo moi acolledor. Para min, todo isto significa que a USC é máis que unha universidade, é unha experiencia de vida”.

Cruz Fernández González

Cruz Fernández González

Enfermeira. Licenciada en Matemáticas y en Filosofía. Titulada del Máster en Filosofía. Actualmente investigadora predoutoral do programa de Filosofía da USC

“Unha das cousas que máis me gustou de facer o Máster é que coincidín alí con xente que viña de moi diferentes áreas: de socioloxía, belas artes, historia, física, e como no meu caso, as matemáticas e a sanidade. Cada un achegaba a súa particular visión, sobre os temas que tratabamos: xustiza, igualdade, beleza, liberdade, moral, etc. todas elas cuestións fundamentais. O Máster proporciona así un espazo de intercambio de ideas con persoas diferentes, interesantes e sen medo a afondar. Este feito enriquecía moito as reflexións compartidas nos traballos e nas aulas que sempre son moi abertas ó diálogo e a comunicación.

Eu fixen o Máster cando xa era maior, e levaba moitos anos traballando como enfermeira con enfermos mentais. Estou totalmente segura de que a reflexión filosófica que realicei alí, (tamén durante o grao) me fixo mellor profesional. Por unha banda, axudoume a mellorar os meus recursos e a desenvolver outros novos: a capacidade de comunicación (escrita e oral) e as habilidades sociais, pois aprendín a entender un pouco mellor os meus compañeiros e por suposto, e máis importante, os pacientes. Fun moito máis consciente dos riscos que entraña un traballo como o meu, onde os profesionais caemos moitas veces, coa mellor intención, en dinámicas que directamente violan a liberdade e autonomía dos enfermos: (infantilizamos, manipulamos, incapacitamos...). A filosofía potencia a capacidade crítica das persoas. Nos volvemos máis rebeldes, máis inconformistas, e con moita menos tolerancia ante as inxustizas. Pode que haxa quen diga que isto non é útil... Evidentemente non fai a vida máis fácil, polo contrario, as veces a volve máis complicada pero dalgún modo tamén a fai máis auténtica e máis consciente".

Mat Rozas Arceo

Mat Rozas Arceo

Titulado do Máster en Filosofía. Actualmente investigador predoutoral no programa de Filosofía da USC.

"Eu ao principio considerei facer o mestrado de profesorado mais decidín facer o mestrado en filosofía ao final, e non me arrepinto. Para aquelas que non cursaron a carreira é unha oportunidade excelente de entrar en contacto coa filosofía sen necesitar tanto tempo. Para quen xa cursou a carreira, debido a interdisciplinariedade do máster, hai novos contidos e a maiores habilítate como investigadora e pode poñerte en contacto con quen guíe a túa investigación axeitadamente, polo que tamén é unha boa opción"

Sabela Fraga Costa

Sabela Fraga Costa

Historiadora da arte. Titulada do noso Máster en Filosofía (USC) e Doutora en Belas Artes (UVigo)

Animaría a cursar o máster a todas aquelas persoas que queiran facer traballo de investigación, ben sexa na universidade ou de xeito independente. Desde a miña experiencia, o programa de estudos e o profesorado axudou a alicerzar con moito rigor as bases metodolóxicas e críticas da reflexión teórica, mais tamén a curiosidade e o respecto polo coñecemento. É un máster no que a diversidade e a calidade non só reside nas materias, senón no alumando que acolle doutras carreiras alén da filosofía