Tras a excelente acollida da inauguración do Ciclo de Conferencias Coñecemento e Cidadanía (CCC), organizado pola Coordinación do Máster en Filosofía, convídase á segunda conferencia: “La filosofía política ante la revolución digital” que impartirá o profesor da UNED José María Hernández, o Xoves 27 de abril ás 16h. A asistencia ao Salón de Actos será libre ate completar aforo. Presenta e modera a profesora Iolanda Martínez, coordinadora do título.
Este relatorio centrarase nos retos e oportunidades que a chamada “revolución dixital” supón para as sociedades contemporáneas. A hipótese de partida é a transformación do mundo da vida pola aparición das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) por un lado e a intelixencia artificial (IA) por outro. Aínda que esta revolución comezou nos anos 50 -en plena Guerra Fría-, cobrou forza nas dúas primeiras décadas deste século XXI e todo parece indicar que só estamos nos albores dunha nova gran transformación no campo da cultura e da política. A pregunta que moitos se fan é que efectos terá no benestar humano en xeral e, en particular, se a sociedade que xurde desta revolución -que moitos comparan coa invención da imprenta no século XV- pode ser un sociedade democrática como a coñecemos agora.
BIO
José María Hernández Losada
É profesor titular da Universidade Nacional de Educación a Distancia dende o ano 2002, onde, ademais da docencia de Filosofía Política, actualmente dirixe o Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política, despois de ter coordinado o programa de doutoramento en Filosofía na Escola Internacional de Doutoramento da UNED. Licenciado e doutor en Filosofía (1987 e 1995) e Máster en Dereito Constitucional e Ciencias Políticas (1992), realizou estudos posdoutorais nas universidades de Cambridge (Reino Unido) e The Johns Hopkins (EEUU) nos cursos 1996-1997 e 1997 -1998. Durante quince anos foi secretario de redacción da International Journal of Political Philosophy, unha experiencia de colaboración internacional patrocinada por dúas universidades iberoamericanas, a UAM-Iztapalapa en México e a UNED en España. Desde o punto de vista da investigación en filosofía, tratou preferentemente cuestións relacionadas coa política, tanto desde a perspectiva contemporánea como desde o punto de vista das súas relacións coa historia intelectual. É autor do libro The Portrait of a Mortal God. Retrato de un dios moral. Estudio sobre la filosofía política de Thomas Hobbes (Anthropos), e, xunto co historiador británico Anthony Pagden, publicou The Enlightenment and its enemies. Dos ensayos sobre los orígenes de la Modernidad (Península). Tamén tratou algúns aspectos da filosofía iberoamericana e, en moitos outros traballos ao longo destes anos, temas centrais para a filosofía práctica como a tolerancia, a ética pública e a democracia. Entre os seus últimos traballos destacan os títulos: "Ética pública y resiliencia democrática" (2021), "Europa, América y el miedo" (2020) e "Constantia in publicis malis: sobre gobierno, corrupción y democracia" (2019).