Éticas e políticas do coidado frente a barbarie. Entrelazado pasado, presente e futuro
O próximo xoves 9 de abril as 16.00h, María José Guerra, catedrática de Filosofía Moral e Política da Universidade de La Laguna (ULL), presentará “Éticas e políticas do coidado frente a barbarie. Entrelazado pasado, presente e futuro”.
A conferencia estruturarase arredor de tres eixes temporais: a xenealoxía do coidado como práctica silenciada e a súa emerxencia, na teoría feminista, como categoría crítica; o diagnóstico do presente, marcado pola crise do coidado, a precariedade e as formas contemporáneas de neglixencia e abandono; e, finalmente, a proxección de horizontes normativos nos que o coidado articula unha política democrática de vulnerabilidade compartida. Dous exemplos de dimensións institucionais do coidado serán a enfermaría e o traballo social. A conferencia concluirá examinando as condicións baixo as cales o coidado pode ser un proxecto emancipador sen reproducir as asimetrías —de sexo/xénero, clase social e etnia/raza— que se cruzan, por exemplo, na realidade de moitas mulleres migrantes que historicamente o sostiveron. En resumo, a ética do coidado non é principalmente unha moral de proximidade e cercanía, centrada unicamente na familia, senón un proxecto normativo e sociopolítico capaz de desafiar as estruturas institucionais que organizan o abandono, a violencia e a desigualdade. A perversión do neoliberalismo que reina nas últimas catro décadas e a liquidación das ideas de xustiza e solidariedade a mans do neofascismo, cunha clara aposta polo sadismo social, a crueldade e o brutalismo, enmarcarán esta reflexión que pretende reavivar un debate necesario e urxente.

